A reutilización de datos públicos do sector público

O concepto de Reutilización da Información do Sector Público (RISP) ten por obxectivo o uso por parte de persoas físicas ou xurídicas, xa sexa con fins comerciais ou non comerciais, dos datos xestionados e postos a disposición polos organismos do sector público.

O portal de Datos Abertos é unha iniciativa da Xunta de Galicia para impulsar a apertura de datos en todos os organismos do sector público rexional e promover a súa reutilización, permitindo calquera uso dos mesmos sempre que se respecten as condicións de uso establecidas.

Os devanditos datos conforman unha abundante fonte de valiosa información: xeográfica, estatística, meteorolóxica, turística, social, económica, etc., aproveitable tanto pola cidadanía como pola industria de contidos dixitais e outros axentes reutilizadores.

Utilidade da apertura de datos públicos

Entre as principais vantaxes da apertura de datos públicos destacan, por unha banda, aquelas cun claro beneficio social, como:

  • Abordar de forma máis eficaz as cambiantes necesidades públicas, para adaptarse ás demandas da cidadanía mellorando a prestación de servizo público.
  • Habilitar á cidadanía para participar da análise da información pública, o seguimento de logros e a mellora da transparencia.

E, doutra banda, aquelas que achegan un beneficio económico, como:

  • Favorecer a optimización dos procesos na Administración e a mellora da súa interoperabilidade, incrementando a eficiencia e moderando os custos.
  • Fomentar a participación do sector privado para alcanzar fins públicos, algo importante sobre todo en escenarios de limitación orzamentaria e austeridade.
  • Impulsar un mercado de reutilización entre empresas infomediarias e outros axentes reutilizadores, para xerar servizos e funcionalidades novas que acheguen información de alto valor para os seus clientes. O devandito mercado, a tenor do publicado en recentes estudos tanto de ámbito europeo como español , representa un valor aproximado de entre 550 e 650 millóns de euros anuais en España, e de preto de 32 billóns de euros anuais no ámbito europeo, sendo a súa previsión de crecemento a curto prazo de máis de 2.000 millóns de euros no caso español e de ata os 40 billóns de euros, ou mesmo 140 billóns se temos en conta tamén o mercado indirecto, no caso de toda Europa.