No contexto do seu compromiso coa reutilización da información do sector público, a Xunta de Galicia mantén outras iniciativas de apertura dos datos complementarias ao portal Abert@s. Trátase de iniciativas centradas en ámbitos moi específicos: o da dixitalización de fondos bibliográficos no caso de Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia, e o da información xeográfica no caso do de Mapas de Galicia.
Galiciana
A Biblioteca Dixital de Galicia ou Galiciana é un proxecto ten como obxectivo a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para Galicia. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día (Hispana e Europeana).
No seu portal web dispón dun espazo de datos abertos no que é posible facer diferentes consultas:
- Punto de acceso SPARQL (acrónimo de Protocolo Simple e Linguaxe de Consulta de RDF), que permite realizar consultas avanzadas sobre os fondos. Pódese obter información en diferente formatos: HTML, XML, JSON, JSON-LD, Notation 3/ TURTLE, CSV e TSV.
- Lista de encabezamentos de materias en galego, publicada en formato SKOS.
- Biblioteca Dixital de Galicia, segundo o Europeana Data Model.
- Buscadores para materias e obxectos dixitais, que permiten localizar recursos mediante buscas por texto.
- Unha área de estatísticas con información sobre o contido da colección.
Ir á sección de datos abertos de Galiciana.
Mapas de Galicia
O portal web de información xeográfica de Galicia dá acceso á información contida na Infraestrutura de Datos Espacias de Galicia (IDEG), que integra todos os datos xeográficos e os servizos interoperables de información xeográfica proporcionados polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.
No portal mantense un catálogo de máis de 60 servizos dos seguintes tipos:
- Servizos de localización: permiten a busca de conxuntos de datos xeográficos e servizos relacionados SCZA, partindo do contido dos metadatos correspondentes.
- Servizos de visualización: permiten amosar e navegar polos mapas, achegarse ou afastarse, moverse, superpoñer os datos xeográficos, mostrar signos convencionais etc.
- Servizos de descarga: permiten xerar copias de datos xeográficos ou partes deles e acceder directamente ao seu contido para construír servizos de valor engadido.
- Servizos de transformación: permiten transformar os datos xeográficos para acadar a súa interoperabilidade.