Datos e Goberno Aberto
Nos últimos anos cobrou auxe unha corrente mundial denominada Datos Abertos (ou Open Data en inglés) cuxa filosofía é promover a posta a disposición pública de datos en forma e maneira que poidan ser facilmente consultados, redistribuídos e reutilizados libremente por calquera que o desexe, gardando en todo momento a debida privacidade e seguridade da información.
Se os datos postos a disposición pública son datos xestionados polas Administracións públicas ou organismos dependentes, é frecuente empregar o termo Open Government Data para referirse a este caso particular de aplicación de Datos Abertos, que implica ofrecer os mesmos cumprindo polo menos coas seguintes premisas:
- Os datos deben ser primarios e completos, é dicir non sufrir transformación, agregación ou recorte por tratamento previo, salvo a necesaria omisión de elementos conformadores de información protexida (como datos persoais etc.).
- Os datos deben ofrecerse coa maior concreción e nivel de detalle posible.
- Os datos deben distribuírse en formatos procesables por máquinas (de forma automática) e formatos non propietarios (formatos non suxeitos a tecnoloxías de acceso protexidas por licencias pechadas).
- Os datos deben ofrecerse oportunamente, é dicir, publicarse a tempo e estar actualizados, cunha frecuencia óptima para manter o seu valor.
- Debe garantirse o acceso sen restricións nin requisitos aos datos para calquera usuario/a e finalidade.
Goberno Aberto
As Administracións públicas foron adoptando progresivamente o concepto de “Administración electrónica” ou “Goberno electrónico” (e-Gov, do inglés e-Government), por medio da incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o uso de ferramentas da Web 2.0, para facilitarlle á cidadanía os seus trámites administrativos e darlle un maior control sobre os seus expedientes, mellorando a transparencia da Administración.
O concepto de Goberno Aberto (Ogov, do inglés Open Government) trata de ir máis aló, aproveitando ferramentas e tecnoloxías innovadoras para establecer mecanismos de comunicación permanentes e transparentes coa cidadanía, a fin de facilitar unha evolución cara a modelos máis avanzados de xestión pública que permitan abordar de maneira máis efectiva os impredicibles desafíos que deparan as novas realidades.
O Goberno Aberto avoga por un modelo aberto e participativo, involucrando a cidadanía na mellora dos servizos públicos e a proposta de novas políticas, así como tamén alentando a colaboración dos/as funcionarios/as públicos/as no desenvolvemento de accións innovadoras, e tomando decisións baseadas nas necesidades e preferencias da cidadanía.
Pero para poder participar nas decisións, a cidadanía debe contar previamente con toda aquela información pública que lle permita interpretar e analizar as actuacións a valorar, algo que pode posibilitarse grazas aos Datos Abertos.
Ligazóns relacionadas
- Catálogo Nacional de Datos
- Mellora do acceso á Administración a través da web
- Mapa de iniciativas Open Data no mundo
- Vocabulario RDF para catálogos de datos
- Iniciativas Open Data en España
- Pautas para a publicación de datos de Goberno Aberto
- A madurez dos Datos Abertos en Europa
- Explorar Datos Abertos (vídeo)