Outras iniciativas

No contexto do seu compromiso coa reutilización da información do sector público, a Xunta de Galicia mantén outras iniciativas de apertura dos datos complementarias ao portal Abert@s. Trátase de iniciativas centradas en ámbitos moi específicos: o da dixitalización de fondos bibliográficos no caso de Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia, e o da información xeográfica no caso do de Mapas de Galicia.

Datos Coronavirus

Datos Coronavirus

Punto de acceso aos datos sobre a evolución en Galicia da pandemia da COVID-19, con visualización en forma de gráficos, posibilidade de mostrar a información para toda Galicia ou filtrada por área sanitaria e posibilidade de descargar todos os datos en formato CSV:

  • Pacientes con infección activa, hospitalizados, en coidados intensivos, curados, falecidos, contaxiados, novos casos nas últimas 24 horas, número de probas PCR, de probas de antíxenos e doutras probas realizadas.
  • Evolución do número de persoas con infección activa, curadas e falecidas. 
  • Evolución do número de persoas diagnosticadas a través de PDIA e Autotest.
  • Porcentaxe de persoas infectadas por xénero. 
  • Porcentaxe de persoas falecidas por idade. 
  • Porcentaxe de infeccións por test PCR realizados. 
  • Distribución de datos (persoas hospitalizadas e en coidados intensivos) por hospital.
  • Novos casos nos últimos 7 e 14 días por concellos. 
  • Restricións por concellos. 

Ir á sección de datos do portal web de Coronavirus do Servizo Galego de Saúde.

Galiciana

Galiciana

A Biblioteca Dixital de Galicia ou Galiciana é un proxecto ten como obxectivo a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para Galicia. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día (Hispana e Europeana).

No seu portal web dispón dun espazo de datos abertos no que é posible facer diferentes consultas:

  • Punto de acceso SPARQL (acrónimo de Protocolo Simple e Linguaxe de Consulta de RDF), que permite realizar consultas avanzadas sobre os fondos. Pódese obter información en diferente formatos: HTML, XML, JSON, JSON-LD, Notation 3/ TURTLE, CSV e TSV.
  • Lista de encabezamentos de materias en galego, publicada en formato SKOS.
  • Biblioteca Dixital de Galicia, segundo o Europeana Data Model.
  • Buscadores para materias e obxectos dixitais, que permiten localizar recursos mediante buscas por texto.
  • Unha área de estatísticas con información sobre o contido da colección.

Ir á sección de datos abertos de Galiciana.

Mapas de Galicia

Mapas de Galicia

O portal web de información xeográfica de Galicia dá acceso á información contida na Infraestrutura de Datos Espacias de Galicia (IDEG), que integra todos os datos xeográficos e os servizos interoperables de información xeográfica proporcionados polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

No portal mantense un catálogo de máis de 60 servizos dos seguintes tipos:

  • Servizos de localización: permiten a busca de conxuntos de datos xeográficos e servizos relacionados SCZA, partindo do contido dos metadatos correspondentes.
  • Servizos de visualización: permiten amosar e navegar polos mapas, achegarse ou afastarse, moverse, superpoñer os datos xeográficos, mostrar signos convencionais etc.
  • Servizos de descarga: permiten xerar copias de datos xeográficos ou partes deles e acceder directamente ao seu contido para construír servizos de valor engadido.
  • Servizos de transformación: permiten transformar os datos xeográficos para acadar a súa interoperabilidade.

Ir ao directorio de servizos de Mapas de Galicia.